Wednesday 15 de May de 2024

O catálogo da exposición “A Coruña no tempo” divulga a identidade e historia da cidade


— A Xunta e Afundación presentan a publicación da mostra que suma case 8.000 visitas desde a súa apertura, sendo a máis concorrida das catro organizadas neste ciclo

— Permanecerá aberta ao público, con entrada de balde, ata o sábado 16 de setembro

— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca que tanto a exposición como o catálogo permiten “abordar a cidade desde diversas perspectivas nun espazo común”

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá na sede de Afundación o catálogo que recolle as grandes historias da exposición A Coruña no tempo. A publicación vén completar unha mostra que desde a súa apertura o 12 de xullo leva case 8.000 visitantes, cunha media diaria de 180 persoas. A proposta, a máis concorrida das catro exposicións organizadas polo de agora no marco do proxecto Cidades no tempo, percorre desde os fitos máis importantes aos menos coñecidos que contribuíron á conformación da identidade actual da urbe.
A piques de pechar as súas portas, o 16 de setembro, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que tanto a mostra como o catálogo supoñen “unha oportunidade única de abordar a cidade desde diversas perspectivas, pero desde un mesmo punto de partida”. Así, puntualizou, “poñemos nun espazo común a cultura, a estética, o urbanismo e a economía dunha urbe clave no desenvolvemento de Galicia, así como o lecer e o sentir dunha sociedade dinámica e emprendedora”.
No acto estivo acompañado pola coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e polo comisario da mostra, Manuel Gago.
O catálogo está pensado como unha obra de referencia para achegarnos á Coruña, reforzado con textos de expertos nesta cidade en particular e na cultura urbana de Galicia en xeral. Así, conta coas achegas do comisario, Manuel Gago, e do xornalista coruñés, coordinador local da mostra, Rubén Ventureira. Tamén recolle as análises de Miguel Pazos Otón, doutor en Xeografía; Xaquín Núñez Sabarís, doutor en Filoloxía Hispánica, e Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga. Todos eles forman parte do comité científico asesor do proxecto expositivo Cidades no tempo.
O relato sobre a identidade da Coruña constrúese con máis de 90 pezas de distinta tipoloxía como documentos históricos, obxectos simbólicos, obras de arte, fotografías ou planos que serven de fío condutor para entender o que é hoxe a cidade. Todas elas quedan recollidas na publicación hoxe presentada e que estará á venda online na libraría institucional da Xunta de Galicia.
A Coruña no tempo é a cuarta das sete mostras que conforman o proxecto Cidades no tempo, organizado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e coa colaboración de Afundación. Despois de Santiago, Ferrol, Lugo e A Coruña continuará percorrido en outubro coa inauguración dunha nova exposición en Vigo.